Novembro 2013

ENesta viaxe, exclusivamente sanitaria, iniciáronse con éxito novos proxectos e déuselles continuidade aos que estaban en marcha.
Participaron: dúas médicas de adultos (Itzíar e Patricia), un pediatra e unha residente de pediatría (Alicerce e Lucía), dúas oftalmólogas (Rosa e Izíar), un equipo de oito enfermeiras (Lara, Ana, Andrea Verónica, Christel, Alba, Belén e Alicerce) e unha auxiliar (Aurora).

ASISTENCIA MÉDICA E TRATAMENTO GRATUÍTOS
Esta vez demos cobertura sanitaria á poboación de Touba Merina de máis de 7.000 habitantes e, por primeira vez, pasamos consulta no Centro de Saúde de Sam Yabal, que ten unha poboación de preto de 8.000 habitantes.
Como noutras viaxes, organizáronse as consultas para atención de adultos, pediatría e enfermería. Realizáronse ao redor de 3000 consultas.  

COMEZO DE HISTORIAS CLÍNICAS INFORMATIZADAS CON
RECOÑECEMENTO DE PEGADA DACTILAR
Realizouse a apertura de historia clínica informatizada con captura de pegada dactilar.
Control de saúde a todos os nenos e nenas escolarizados: Peso, talla, PB, PC, HB, agudeza visual e exploración completa.
Abríronse á súa vez historias clínicas informatizadas a doentes con patoloxías relevantes. Isto facilita o seguimento nas próximas viaxes.

CONSULTA ESPECIALIZADA DE OFTALMOLOXÍA E CIRURXÍA DE
CATARATAS E OUTRAS PATOLOXÍAS OCULARES
Por primeira vez puidemos realizar atención oftalmolóxica á poboación da zona do noso proxecto.
O equipo de oftalmoloxía realizou consulta e tratamento de pacientes con problemas oculares. Chama a atención nesta viaxe o gran número de persoas con tracoma que foron atendidas.
As intervencións oftalmolóxicas realizáronse no Centro de Saúde de Daramousti onde hai un pequeno e precario quirófano de ollos. Operáronse 26 cataratas de persoas con falta de visión en ambos ollos e sen recursos económicos.

DERIVACIÓN A HOSPITAIS A CARGO DE DA MAN 
Como xa se fixo noutras viaxes, nesta derivouse a un neno con síndrome nefrítico e edema de pulmón pagando a factura a ONG.
Unha nena cun tumor na boca, incompatible coa vida a curto prazo, enviouse a Dakar e foi intervida (11 horas en quirófano).
Un neno cunha malformación anal importante, pendente de ser operado no hospital de Touba Mbaque no mes de xaneiro.
Pendentes de consulta un cativo con cardiopatía e outros pacientes.
Todas estas consultas e intervencións serían imposibles sen a axuda de DA MAN, xa que son familias sen recursos económicos e a asistencia médica en Senegal non é gratuíta.

.

Algunhas das fotos da viaxe:



.